A Deputación organiza en Barro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas

Barro
28 de agosto 2025
Actualizado: 12:21

Terá lugar o 10 de setembro no viveiro de empresas do Polígono de Barro para abordar o estado actual desta nova figura e de dar a coñecer o traballo que se leva a cabo desde a Deputación

Viveiro de empresas de Barro Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 10 de setembro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas, no viveiro de empresas do Polígono de Barro.

O obxectivo deste encontro, dirixido tanto a comunidades enerxéticas como administracións, empresas e calquera persoa con interese sobre iniciativas e modelos sostibles, é ofrecer unha visión completa sobre o estado de desenvolvemento actual desta nova figura.

O congreso terá lugar en horario de 9:30 a 17:30 horas e as inscricións poden realizarse de balde a través do sitio web institucional.

No marco do Congreso, as persoas asistentes tamén poderán coñecer o labor que se realiza desde a Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) +Renovables para o fomento das comunidades enerxéticas, especialmente en zonas afectadas polo reto demográfico.

Tamén terán acceso a relatorios onde se exporán actividades e casos de éxito cos que xerar reflexións sobre os retos e as oportunidades das comunidades enerxéticas e da creación de redes de colaboración entre axentes do sector.

O Congreso sobre Comunidades Enerxéticas está dividido en bloques temáticos que pasan polo potencial das enerxías renovables da provincia, experiencias de comunidades existentes, innovacións tecnolóxicas aplicables, así como aspectos legais e económicos.

Do mesmo xeito, o evento inclúe un espazo onde os asistentes poderán realizar contactos que fomenten sinerxías entre eles, así como dous obradoiros sobre emprendemento verde (creación de start-ups do sector enerxético) e participación cidadá (estratexias para involucrar a comunidade en proxectos enerxéticos).