A Deputación presenta o Plan Vía Depo que destina 8 millóns a reparar estradas municipais

Pontevedra
13 de abril 2026

O plan garantirá unha asignación mínima de 50.000 euros para cada concello, distribuída en base a criterios como a superficie, a poboación e o número de entidades de cada municipio

Presentación novo Plan Vía Depo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou este luns o novo Plan Vía Depo ante os alcaldes da provincia, unha iniciativa dotada con 8 millóns de euros destinada á reparación de estradas de titularidade municipal afectadas polos temporais do pasado inverno.

O acto tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial, onde o mandatario provincial, acompañado por membros do seu equipo de goberno, detallou os obxectivos e condicións deste programa que está previsto que sexa aprobado no pleno deste mes de abril.

Segundo explicou, o plan garantirá unha asignación mínima de 50.000 euros para cada concello, distribuída en base a criterios considerados "obxectivos", como a superficie, a poboación e o número de entidades de cada municipio.

Luís López subliñou que o Plan Vía Depo está concibido especificamente para financiar obras de reparación de carácter menor na rede viaria local, e non poderá empregarse como complemento doutros plans provinciais nin para a redacción de proxectos ou a adquisición de terreos.

Entre as actuacións previstas inclúense melloras do trazado, reforzo estrutural das vías, conservación do firme, reparación de pavimentos, estabilización de muros de contención, construción de sistemas de drenaxe, así como a adecuación de sendeiros, paseos e accesos a praias fluviais e piscinas.

O presidente provincial enmarcou a posta en marcha deste plan no impacto causado polos temporais invernais, que provocaron danos en numerosos puntos da provincia, xerando incidencias e molestias que requiriron a intervención de forzas de seguridade, servizos de emerxencia e brigadas de conservación. Neste sentido, López agradeceu publicamente o labor destes equipos durante os episodios meteorolóxicos adversos.

En paralelo, lembrou que a Deputación actuou sobre os preto de 1.600 quilómetros de estradas da súa titularidade, onde se atenderon máis de 430 incidencias. "A Deputación estivo á altura nas estradas da súa competencia", afirmou, asegurando ademais que a rede provincial atópase actualmente "nun estado óptimo".

Durante a súa intervención, López tamén puxo en valor o esforzo investidor da institución provincial, que cifrou en 40,5 millóns de euros destinados á conservación de vías, así como outros 42,4 millóns investidos en melloras a través de obras propias e convenios cos concellos.

Finalmente, o presidente aproveitou o encontro cos rexedores para reiterar algunhas das principais reivindicacións do goberno provincial, entre elas a gratuidade da autoestrada AP-9 e a súa xestión desde a Comunidade Autónoma, así como a necesidade de acometer a reparación dos 317 quilómetros de estradas nacionais na provincia, reclamando para iso un cronograma definido e unha dotación orzamentaria axeitada.