O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, asinaron este venres un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto de ampliación das piscinas municipais de Fontecarmoa.
Ao abeiro do Plan Extra, a administración provincial achega 1,1 millóns de euros a un proxecto valorado en máis de 3 millóns que xa contaba cunha aportación provincial adicional doutro programa desta mesma institución, o PON 2030, de 1 millón de euros, en decembro de 2023.
A obra servirá para construír un novo edificio que albergará unha nova piscina que estará conectada co edificio da piscina municipal xa existente a través dunha galería.
A nova edificación caracterizarase por contar cunha piscina de 25 metros e seis rúas, nun inmoble de planta baixa con cuberta inclinada a unha auga. No interior, habilitarase unha bancada de 216 localidades e os espazos serán diáfanos e funcionais.
O proxecto complétase coa urbanización da zona exterior, na que se crearán novas prazas de aparcamento, mellorarase a accesibilidade coa supresión de barreiras arquitectónicas, dotarase de uniformidade estética dando continuidade aos pavimentos e plantaranse árbores de gran porte para dar sombra ao novo edificio.
Luis López destacou que a colaboración da Deputación co Concello de Vilagarcía en Fontecarmoa elévase ata os 2,9 millóns de euros considerando os investimentos en todo o conxunto do complexo deportivo, incluíndo, ademais da piscina, o pavillón, o ximnasio e as pistas de atletismo.
Ademáis, o presidente provincial fixo referencia ao "desembolso histórico" que realiza a Deputación na terceira cidade da provincia, afirmando que "cada semana desde que chegamos ao goberno o Concello de Vilagarcía recibe máis de 120.000 da Deputación".