A Casa da Luz de Pontevedra sumouse á concienciación sobre a sida que están a levar a cabo durante esta semana administracións e entidades privadas con motivo do Día Mundial da Sida.
Desde este luns, 1 de decembro, o propio día mundial, unha pancarta está pendurada do balcón da Casa da Luz coa mensaxe 'Derribando mitos. Acabemos co estigma!'.
Desde o Concello destacan que é unha "mensaxe clara" que "afonda na necesidade de combater prexuízos" e tamén sobre a "crecente desinformación sobre unha enfermidade, hoxe en día crónica, e que se condiciona a vida das persoas con VIH polo estigma que aínda pesa sobre ela".
A Concellería de Igualdade, xunto co colectivo Avante LGBT+, también quixeron organizar unha charla-coloquio para saber máis da sida.
A charla terá o mesmo lema que a pancarta e contará coa participación de Hadrián Pernas Pardavila, médico especialista en enfermidades infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; e Erik Barrio Lozano, persoa que vive co VIH.
A cita é na Casa das Campás o vindeiro 17 de decembro, ás 19.00 horas.
A entrada é libre ata completar aforo.
