'Derribando mitos. Acabemos co estigma!': a Casa da Luz combate prexuízos sobre a sida

Pontevedra
02 de decembro 2025
Actualizado: 17:00

Unha charla-coloquio co médico Hadrián Pernas Pardavila e o paciente Erik Barrio Lozano afondará nesta enfermidade. Será na Casa das Campás o 17 de decembro ás 19.00 horas.

Pancarta 'Derribando mitos. Acabemos co estigma!' para concienciar sobre a sida na Casa da Luz

A Casa da Luz de Pontevedra sumouse á concienciación sobre a sida que están a levar a cabo durante esta semana administracións e entidades privadas con motivo do Día Mundial da Sida. 

Desde este luns, 1 de decembro, o propio día mundial, unha pancarta está pendurada do balcón da Casa da Luz coa mensaxe 'Derribando mitos. Acabemos co estigma!'.

Desde o Concello destacan que é unha "mensaxe clara" que "afonda na necesidade de combater prexuízos" e tamén sobre a "crecente desinformación sobre unha enfermidade, hoxe en día crónica, e que se condiciona a vida das persoas con VIH polo estigma que aínda pesa sobre ela".

A Concellería de Igualdade, xunto co colectivo Avante LGBT+, también quixeron organizar unha charla-coloquio para saber máis da sida.

A charla terá o mesmo lema que a pancarta e contará coa participación de Hadrián Pernas Pardavila, médico especialista en enfermidades infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; e Erik Barrio Lozano, persoa que vive co VIH.

A cita é na Casa das Campás o vindeiro 17 de decembro, ás 19.00 horas.

A entrada é libre ata completar aforo.

Pancarta 'Derribando mitos. Acabemos co estigma!' para concienciar sobre a sida na Casa da LuzCristina Saiz