Desarticulado un foco moi activo de venda de drogas en Corbaceiras que abastecía a estudantes da zona

Pontevedra
21 de marzo 2025
Actualizado: 17:11

As policías Nacional e Local detiveron o presunto responsable o 12 de marzo como resultado dunha investigación que comezou no principio do ano grazas á colaboración cidadá

Droga e efectos intervidos na operación Crow Policía Nacional de Pontevedra

A Policía Nacional dá por desarticulado un foco moi activo de venda de drogas polo miúdo situado nunha vivenda da zona de Corbaceiras.

É resultado dunha redada realizada o pasado 12 de marzo en colaboración coa Policía Local de Pontevedra e, á hora de facer balance, destacan que este narcopiso abastecía de sustancias estupefacientes algúns mozos de centros escolares próximos á praza de touros.

Esta operación, bautizada Crow, forma parte das colaboracións que realizan as policías Nacional e Local de Pontevedra na loita contra o tráfico de drogas a mediana e pequena escala na cidade.

Como responsable desta narcopiso foi detido un home e realizouse un rexistro no domicilio, no que se atoparon 200 gramos de haxix, 300 gramos de marihuana, varios anacos de haxix, cogollos de marihuana preparados para a venda e distribución directa e algunha dose de cocaína.

A investigación remóntase a principios deste ano 2025, cando, grazas á colaboración cidadá, tiveron coñecemento de que nun domicilio dedicábanse á venda activa e distribución de sustancias estupefacientes, fundamentalmente haxix e marihuana e ocasionalmente cocaína.

O Grupo 1 de Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional e o Grupo SAI da Policía Local realizaron distintas incautacións e vixilancias conxuntas e lograron determinar a identidade das persoas que vivían na vivenda e comprobar que alí se vendía droga.

O día do rexistro contraron coa axuda da Unidade Canina da Policía Nacional e atoparon, ademais da citada droga, diñeiro fraccionado e útiles para a preparación de estupefacientes.