Salcedo e Tomeza serán as primeiras parroquias do rural de Pontevedra nas que se repartirán os 8.000 composteiros adquiridos polo Concello. Así se producirá despois de que, administrativamente, se teña desbloqueado a contratación destes recipientes.
O Tribunal Administrativo Central desestimou o recurso que interpuxera a empresa Plastic Omnium, pola adxudicación a Alqui Envas por 464.640 euros do contrato para a subministración de todos estes composteiros individuais para vivendas unifamiliares con fincas, tanto no ámbito urbano como no rural.
Plastic Omnium fora excluída do proceso de contratación ao entender os técnicos municipais que a súa proposta non cumpría cos requisitos incluídos nos pregos do concurso.
A resolución confirma a adxudicación feita pola Xunta de Goberno polo que queda desbloqueada esta adxudicación de tal xeito que nos vindeiros días poderase asinar o contrato e solicitar á empresa adxudicataria a documentación obrigatoria do contrato.
A empresa, ademais de entregar os composteiros, deberá despregalos polas zonas que lle indique o Concello nun prazo máximo de dous anos.
O concelleiro responsable de Contratación, Raimundo González, explicou que ao longo do vindeiro mes poderase iniciar o despregue definitivo polas parroquias do rural.
"Hoxe desatráncase o despregue da compostaxe individual", engadiu.