O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, apuntou dúas conclusións do traballo que se está a facer en compostaxe dende a institución provincial. A primeira é que "temos a prudencia e humildade de escoitar e aprender de xente cualificada", en relación aos técnicos participantes como profesores na Facultade da Compostaxe.
Unha segunda conclusión é que a "suposta oposición" aos centros de compostaxe na cidade de Pontevedra non é tal, xa que, segundo dixo Mosqura, algunha das persoas que está aparecendo publicamente como portavoz da oposición aos centros de compostaxe ten asinado o seu compromiso de aportar os seus residuos orgánicos aos composteiros e estaos levando a compostar na práctica.
"Os últimos centros de compostaxe instalados en Pontevedra están a funcionar cun ritmo que roza a sobreaportación"
"Os últimos centros de compostaxe instalados en Pontevedra están a funcionar cun ritmo que roza a sobreaportación. Se seguen así probablemente haberá que poñer máis ou pechalos. Ese é o mellor índice da participación e da aceptación da xente", finalizou.
Pola súa banda, o responsable técnico do Plan Revitaliza, Carlos Pérez, quixo insistir en que "o foco de atención europeo en compostaxe comunitario" está en Pontevedra nestes momentos, porque se está a traballar cun modus operandi que ata o de agora non existía en ningún país e que, polo tanto, non está aínda normativizado.
Subliñou, así mesmo, que se están a producir uns ratios de aportación de residuos orgánicos aos centros de compostaxe e participación cidadá "asombrosos incluso para persoas coma min que levo nisto dende o ano 92" nos composteiros de Pontevedra. "Hai cidadanía que protesta, pero que aporta asombrosamente", engadiu.
Carlos Pérez sinalou que "se extrapolamos o número de carteis contra os composteiros, sería imposible a aportación que hai na zona de Eduardo Pondal. Ou hai xeración de residuos 'ex nihilo', ou aportación do exterior ou algo non se comprende", manifestou.
Por último, animou á cidadanía a coñecer a compostaxe 'en directo', visitar os centros de compostaxe e comprobar e confirmar que non dan ningún problema.