En 2020, os concellos de máis de 5.000 habitantes terán que compostar ou recoller os biorresiduos de xeito separado por lei e baixo ameaza de sanción. Así o explicou este martes o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nunha reunión mantida con máis de 100 representantes dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza e persoal técnico provincial para explicar os cambios inminentes na lexislación estatal de residuos.
O vicepresidente destacou que o pasado 18 de maio o Ministerio de Medio Ambiente aprobou o último borrador do anteproxecto de lei polo que se modificará a normativa actual de residuos. Este novo texto normativo incorpora unha novidade que cambiará radicalmente a xestión do lixo, xa que o colector verde de fracción resto mesturada, tal e como se coñece agora, será eliminado: os biorresiduos (restos de comida e vexetais) terán que ser compostados ou recollidos de maneira separada.
Mosquera explicou que a modificación da lei fomenta os principios de autosuficiencia e proximidade para tratar os residuos o máis cerca posible da orixe poñendo como prioritarias a compostaxe individual e comunitaria e, onde non se poida, facendo unha recollida para tratamento posterior en planta.
"Por algunha desas tres vías, compostaxe individual, comunitaria ou recollida en colector marrón e traslado a planta haberá que cubrir o 100% dos biorrresiduos dos concellos de máis de 5.000 habitantes antes de 2020. Iso vai ser así, si ou si, por normativa", advertiu.
Os prazos marcados -moito máis esixentes que os inicialmente previstos- establecen que os concellos de máis de 5.000 habitantes estarán obrigados a seguir estas directrices con prazo máximo do 31 de decembro de 2020 e os de menos habitantes en 2023. O vicepresidente apuntou, neste sentido, que aínda que o borrador non está pechado, os obxectivos temporais non van variar moito, xa que a Unión Europea puxo como data límite o 2023 na súa directiva.
Finalmente, Mosquera tamén aportou datos sobre os ritmos do Plan Revitaliza: a día de hoxe trátanse 2.400 toneladas de biorresiduos por ano, o que equivale aos residuos orgánicos dunha vila de 13.000 ou 14.000 habitantes.