A Universidade de Sao Paulo quere aplicar a compostaxe no seu campus como se fai en Pontevedra

Pontevedra
12 de xuño 2018

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera recibiu este martes ao ex xefe de Medio Ambiente do goberno de Lula da Silva e a unha investigadora da Escola de Agricultura Luiz de Queiroz que acudiron en representación da Universidade de São Paulo

Mosquera con representantes da Universidade de São Paulo
Mosquera con representantes da Universidade de São Paulo / Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera recibiu este martes ao ex xefe de Medio Ambiente do goberno de Lula da Silva e a unha investigadora da Escola de Agricultura Luiz de Queiroz que acudiron en representación da Universidade de São Paulo para coñecer a experiencia do Plan Revitaliza co fin de implantar o modelo de compostaxe pontevedrés no campus universitario Luiz de Queiroz en Brasil.

Os catedráticos Simone Portugal e Marco Sorrentino estiveron coñecendo as cuestións técnicas e económicas do Plan Revitaliza, ademais de visitando en persoa algúns dos centros de compostaxe da provincia acompañados tanto do propio vicepresidente Mosquera como do asesor Carlos Pérez. Na recepción institucional ambos brasileiros explicaron que coñeceron o Plan Revitaliza a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

"En Brasil é moi debatida a necesidade de facer a compostaxe", explicou Sorrentino por lo que cando coñeceron a estratexia que Pontevedra está a adoptar para compostar orgánicos de forma descentralizada e participativa consideraron que ese "sería o camiño máis adecuado".

Neste sentido, unha vez estudados os principios básicos do Plan Revitaliza (tratamento en quilómetro cero, profesionalización da atención técnica, e participación e concienciación cidadá) a brasileira Simone Portugal destacou que pretenden aplicar o modelo no campus da Universidade de Sao Paulo, no que conviven milleiros de persoas diariamente.

MOBILIDADE

A delegación brasileira aproveitou o encontro con César Mosquera para coñecer máis sobre o modelo de mobilidade de Pontevedra que se está a intentar estender na provincia.

Mosquera indicou que tanto os proxectos de compostaxe como de mobilidade amable non se poderían aplicar sen unha implantación e conciencia social ampla sobre os seus beneficios e finalizou asegurando que dende o goberno provincial e municipal se están a aplicar uns principios coherentes "porque se teñen as competencias para facelo".