Haberá una campaña informativa "masiva" para resolver dúbidas sobre a compostaxe

Pontevedra
25 de abril 2018

Para o Concello, unha "peza fundamental" para o éxito do sistema de compostaxe que se está implantando en Pontevedra é a participación dos cidadáns. Por iso é polo que, a petición das asociacións de veciños, o goberno municipal decidiu poñer en marcha unha campaña informativa "masiva" para resolver as dúbidas que teñan os pontevedreses

Xuntanza do goberno municipal con asociacións de veciños e comuneiros
Xuntanza do goberno municipal con asociacións de veciños e comuneiros / Mónica Patxot

Para o Concello, unha "peza fundamental" para o éxito do sistema de compostaxe que se está implantando en Pontevedra é a participación dos cidadáns. Por iso é polo que, a petición das asociacións de veciños, o goberno municipal decidiu poñer en marcha unha campaña informativa "masiva" para resolver as dúbidas que teñan os pontevedreses.

Así o avanzou Carme da Silva tras a reunión que mantivo, acompañada polo alcalde e o edil Demetrio Gómez, con asociacións de veciños e comunidades de montes que están a colaborar xa coa compostaxe comunitaria.

Ao encontro acudiron, entre outras, asociacións de veciños de Eduardo Pondal, A Parda, Valdecorvos, Monte Porreiro ou Salcedo, a Federación Castelao ou os comuneiros de Tomeza e Salcedo, acompañados pola Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

O obxectivo desta campaña, que se desenvolverá de maneira física e a través de redes sociais, será que cidadáns que "descoñecen o proceso" teñan acceso a toda a información que precisan para entender como é o sistema polo que aposta Pontevedra.

Ademais, reforzarase a atención dos mestres composteiros aos veciños naqueles puntos onde xa estean a funcionar os centros comunitarios de compostaxe.

A este respecto, Da Silva explicou que a demanda destes centros segue en aumento, pero recoñeceu que "non podemos ir todo o rápido que demanda a xente". Así, por agora, só pensar ampliar os existentes se o seu ritmo de funcionamento segue sendo "espectacular" como ata agora.

En Ponte Boleira, explicou a edil do BNG, están a achegar ao composteiro unhas 400 peronas, catro veces máis que as previsións iniciais, un comportamento que segundo asegurou está a repetirse en todas as zonas que contan xa con este sistema.

En apenas quince días sairá o primeiro compost producido en Eduardo Pondal, engadiu. Aproveitarase para organizar, a finais de maio, un acto cívico para "poñer en valor" o traballo dos veciños. Haberá plantacións de árbores, repartición do compost producido e arranxaranse os xardíns situados no ámbito do centro comunitario de compostaxe.