Descenden ata os 80 casos activos de coronavirus en Pontevedra mentres seguen a subir no resto de Galicia

Pontevedra
20 de agosto 2020

Segundo o balance diario publicado este xoves 20 de agosto pola Consellería de Sanidade, nas últimas horas rexistrouse un novo positivo en Covid19 na área sanitaria pontevedresa, mentres que se deron 5 altas epidemiolóxicas

Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 20 de agosto
Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 20 de agosto

A de Pontevedra e O Salnés é a única área sanitaria que este xoves 20 de agosto viu como se reducían os seus datos relativos á pandemia de Covid-19, segundo o balance diario feito público pola Consellería de Sanidade.

Tras a notable subida rexistrada o mércores, nesta ocasión o Servizo Galego de Saúde cifra en 80 os 'casos activos' na área pontevedresa, o que supón un descenso de 4 ao rexistrarse nas últimas horas un único positivo e darse 5 altas epidemiolóxicas de pacientes.

Desta forma, cun dos afectados ingresado en planta no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, o resto de afectados (79) evolucionan polo momento nos seus domicilios.

Desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés superaron o Covid 945 persoas e producíronse 17 falecementos asociados ao virus.

Onde se mantén a escalada é a nivel autonómico, e é que no resto de áreas sanitarias si se produciron incrementos de casos activos, situándose en Galicia en 1.783, o que supón un incremento de 160 na última xornada. 

Nese incremento destaca o brote detectado nunha residencia de maiores do Incio, con 65 casos detectados ata o momento. 

Polo demais por zonas A Coruña segue a ser a máis afectada con 1.045 casos activos (+85), seguida moi de lonxe por Lugo con 170 (+34), Ourense con 157 (+12), Vigo con 141 (+3), Santiago con 113 (+22) e Ferrol con 77 (+8).

Do total de pacientes positivos na comunidade, 6 están en UCI, 64 en unidades de hospitalización e 1.713 no domicilio. Polo de agora en Galicia hai un total de 11.701 persoas curadas, rexistrándose 626 falecementos, o último o dun home de 90 anos que estaba ingresado no CHUAC e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 290.491.