Ingresa na UCI de Montecelo o primeiro paciente con Covid-19 desde o mes de maio

Pontevedra
21 de agosto 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra este venres, 21 de agosto, oito novos positivos por coronavirus o que supón un total de 85 casos activos con dous pacientes ingresados: un na UCI e outro no Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez

Sonia Fernández-Arruti Ferro /
Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 21 de agosto
Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 21 de agosto

A escalada do coronavirus continúa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os datos publicados polo Sergas este venres reflicten un aumento de oito casos activos por coronavirus, o que supón un total de 85 pacientes contaxiados por Covid-19.

Todos os diagnosticados evolucionan nos seus domicilios salvo dúas persoas. Un atópase ingresado nunha planta do Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, mentres que o outro paciente ingresou na UCI de Montecelo. É o primeiro ingresado na Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra desde o 23 de maio.

A nota positiva da xornada pona a curación de tres novos pacientes, o que eleva a cifra de persoas que superaron a enfermidade desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 a 948 pacientes, mentres que o número de falecidos mantense en 17 pacientes.

Con respecto á corentena de 51 sanitarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que estiveron en contacto cun paciente ingresado en Montecelo que deu positivo por coronavirus, a directora asistencial, Sonia Fernández-Arruti Ferro, explicou este venres que xa foron dados de alta dez profesionais despois de dar negativas as dúas probas  PCR que se lle practicaron. Unicamente unha traballadora volveu dar positivo polo que seguirá en corentena a pesar de non presentar ningún síntoma.

Ao resto de profesionais seguiránselle realizando probas e en Montecelo esperan poder contar co alta do resto de profesionais a finais deste mes de agosto.

O total de casos activos en Galicia sitúase en 1.995, sendo a área sanitaria da Coruña, con 1.114 casos activos, a máis afectada da comunidade  seguiida pola de Lugo, Ourense, Vigo, Santiago e Ferrol. A de Pontevedra e O Salnés é a que menor número de casos activos ten de toda Galicia.

De todos os diagnosticados, só seis están ingresados nas UCI dos hospitais galegos, mentres que 67 están ingresados en planta e o resto evoluciona nos seus domicilios. O total de falecidos, despois do rexistrado este xoves nunha residencia de maiores do Incio, sitúase en 628 persoas, mentres que os curados son 11.737.