Descompactado e limpeza deixan listas as praias de Vilagarcía de Arousa

O Salnés
29 de marzo 2026

As actuacións centráronse nos tres areais máis concorridos, que son o da Concha-Compostela, Campanario e Preguntoiro

Praia da Concha Compostela
Praia da Concha Compostela / Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía de Arousa leva semanas traballando na posta a punto dos seus principais recursos turísticos co obxectivo de chegar en óptimas condicións ao inicio da tempada primavera-verán. Un esforzo que se fixo especialmente visible nas praias do municipio, que xa locen a súa mellor cara coincidindo coa Semana Santa.

As actuacións centráronse nos tres areais máis concorridos, que son o da Concha-Compostela, Campanario e Preguntoiro, onde se levou a cabo unha completa operación de descompactado e aireado da area.

Estes traballos resultan fundamentais tras o inverno, xa que as choivas e o paso do tempo endurecen a superficie, restándolle calidade tanto para o baño como para o uso recreativo.

No caso da praia da Concha-Compostela, a intervención foi máis intensa debido á súa ampla extensión. As tarefas comezaron cunha limpeza a fondo, combinando medios mecánicos para retirar algas e residuos con recollida manual de plásticos. Posteriormente, empregouse maquinaria específica para remover a area, permitindo a entrada de aire e mellorando tanto a textura como as condicións hixiénicas do areal. O proceso completouse co paso da máquina limpa-praias, que deixou a superficie nivelada e lista para o uso.

Ademais destas actuacións, tamén se realizaron traballos previos de roza da vexetación nas zonas próximas ao paseo marítimo e nas pasarelas de madeira. Na Concha-Compostela levouse a cabo, así mesmo, a retirada manual de brotes de cadillo, dentro das tarefas de mantemento derivadas da rexeneración do areal.

O acondicionamento non se limitou á area. Operarios municipais encargáronse de repoñer pasarelas, revisar os baños públicos e arranxar bancos e mesas no piñeiral da Concha, un dos espazos de lecer máis frecuentados.

Como novidade, instalouse tamén un novo equipo de calistenia, ampliando así as opcións deportivas ao aire libre.

Os traballos de mantemento xa están rematados na praia do Campanario, en Bamio, e encaran a súa recta final no Preguntoiro, en Vilaxoán.

Paralelamente, coa mellora do tempo, o Concello intensificou as labores ordinarias de limpeza, aumentando tanto a frecuencia das máquinas como a recollida manual de lixo en papeleiras e contedores.

Tamén se puxo a punto é o miradoiro da Cruz de Xiabre, un enclave moi visitado nestas datas. Neste caso, procedeuse á limpeza da vexetación nas escaleiras e accesos, así como á reparación do mobiliario.

Queda pendente o recheo das bancadas do miradoiro, danadas polas fortes choivas dos últimos meses. Estes traballos aprazaranse ata que a primavera estea máis asentada, co fin de garantir a estabilidade dos materiais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora