A Praza da Peixería transformouse este xoves nun animado escenario ao aire libre onde as matemáticas deixaron por un día os libros para converterse en xogo, reto e diversión.
Decenas de alumnos de distintos centros educativos participaron nunha nova edición do programa Matemáticas na Rúa e en Galego, unha iniciativa que busca achegar esta materia de forma práctica, dinámica e en lingua galega.
Durante a xornada púxose de manifesto que os números tamén poden gozarse fóra da aula. O obxectivo do programa, impulsado polos propios colexios e institutos, é demostrar que as matemáticas non só son fundamentais na vida cotiá, senón que poden aprenderse de maneira atractiva e plenamente en galego, do mesmo xeito que calquera outra disciplina científica.
Nesta segunda edición participaron o CEIP Plurilingüe Arealonga, o CEIP Plurilingüe de Rubiáns, o IES O Carril, o IES Castro Alobre, o IES Armando Cotarelo Valedor e o CPR Plurilingüe Sagrada Familia, coa colaboración da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas (AGAPEMA). A actividade contou tamén co apoio loxístico do Concello, que facilitou o transporte do alumnado e profesorado até o centro da cidade.
A xornada desenvolveuse en formato de gymkana, con diferentes probas de cálculo deseñadas por cada centro. Os equipos, formados por estudantes e docentes, foron rotando polos distintos postos, resolvendo desafíos e compartindo experiencias nun ambiente festivo e colaborativo.

Por outra banda, o Concello de Vilagarcía avanza en novas iniciativas educativas centradas na convivencia. A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto Patios Inclusivos, impulsado pola área de Servizos Sociais, que pretende fomentar espazos de recreo máis equitativos e diversos nos centros escolares.
O programa parte da experiencia previa en mediación e resolución de conflitos desenvolvida nos colexios do municipio, onde se detectou que moitos problemas xurdían durante o recreo. Entre as causas, destacan a concentración de actividades en determinadas zonas do patio ou a desigual distribución do espazo, a miúdo condicionada por cuestións de xénero.
Cun orzamento de 4.000 euros e baixo a coordinación do pedagogo Ramón Molina, o proxecto comezará nas próximas semanas coa elaboración dunha guía didáctica dixital. Este documento servirá de base para que, xa no próximo curso, os centros educativos poidan implementar medidas adaptadas ás súas necesidades específicas, co obxectivo final de lograr patios máis inclusivos, onde todo o alumnado teña cabida e opcións de lecer en igualdade de condicións.