Os amantes da cultura K-pop teñen o próximo 2 de maio unha cita imprescindible en Vilagarcía de Arousa.
Trátase da primeira edición de All Dance Together, un evento xuvenil con exhibicións de baile centrado neste fenómeno cultural.
Organizada polo grupo local ADT, a proposta xorde dun colectivo de mozos unidos pola súa paixón ao K-pop e a danza.
O grupo xa participou en eventos do barrio do Piñeiriño como a festa de fin de verán 2025 e concertos do Nadal solidarios.
Desde a Asociación Veciñal Breogán, entidade colaboradora na iniciativa, destacan que ADT forma parte do que consideran "o mellor barrio do mundo", ofrecéndolles todo o seu apoio para que esta primeira edición sexa un éxito.

Ademais, actuarán no festival Solifest o 19 de abril.
O evento celebrarase no interior do Centro Cultural Breogán para garantir a súa viabilidade, aínda que desde a organización non descartan movelo ao parque do Piñeiriño si contan con apoio loxístico do Concello.
Desde ADT priorizan sacar adiante esta primeira edición e móstranse abertos a propostas e alternativas que permitan consolidar o evento.
O colectivo ten programada unha reunión co concelleiro de Mocidade, Álvaro Carou, para solicitar colaboración institucional e trasladan que existen "boas vibras" sobre a posibilidade de contar co apoio necesario para levar a cabo o evento.
Con All Dance Together aspiran a reunir a mozos e mozas de toda Galicia en exhibicións de baile, actividades como o K-pop Random Dance nun encontro "seguro e inclusivo" que dinamice a vida cultural xuvenil de Vilagarcía.