Lérez Up reivindícase como "o evento de cultura friki máis importante de Galicia"

Pontevedra
13 de setembro 2025

O salón do videoxogo e da cultura friki abriu este sábado as súas portas. O alcalde defendeu que é "un evento especial", pola súa condición de "interactivo, interxeracional e moi participativo"

Lérez Up 2025
Lérez Up 2025 / Cristina Saiz

O salón do videoxogo e da cultura friki Lérez Up abriu este sábado as súas portas para vivir unha fin de semana intensa de xogos de ordenador, K-Pop, xogos de mesa, videoxogos, fanzine ou webcómic.

Durante a mañá do sábado, visitou esta cuarta edición da cita o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que reivindica que se trata do "evento de cultura friki máis importante de Galiza".

Defendeu o alcalde que é "un evento especial", pola súa condición de "interactivo, interxeracional e moi participativo".

"A xente pode ver, pero tamén pode participar en todo tipo de actividades que van desde K-Pop a videoxogos, xogos con consola e ordenador, xogos de mesa e de cartas, cosplay, entre outras moitísimas cousas", sinalou o alcalde.

Durante toda a fin de semana agárdase no recinto feiral de Pontevedra a máis de 5.000 persoas, a cifra superada na edición 2024.

A edición de 2025 incorpora novas propostas que ampliaron a experiencia do público. Entre elas, destaca o reforzo da Zona K-Pop, que inclúe unha chea de actividades e o seu ansiado concurso de baile. 

Tamén se ampliou a Zona Card Games, con torneos de Pokémon TCG, Magic The Gathering e Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends.

Ademais, volveron actividades tan queridas como o torneo nacional de Smash Bros Ultimate, que superou este ano as cifras de participación das edicións pasadas; o concurso de cosplay; ou a Zona Indie, onde os desenvolvedores independentes presentaron os seus xogos ao público.

A mesa redonda do colectivo FemDevs ou a mesa de El Bertedero foron as protagonistas do apartado de conferencias. 

Unha programación ampliada de talleres artísticos de debuxo de animais, urban sketching, caligrafía xaponesa ou pintura de Pokémon 3D completaron a oferta da fin de semana.