A folga que estaba prevista no servizo de limpeza dos hospitais públicos de Pontevedra a partir do 2 de maio desconvocábase nas últimas horas, despois de que o persoal de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria, chegase a acordo coa dirección.
Segundo as fontes sindicais, o preacordo alcanzado entre o comité, formado por CIG, CCOO e UXT, e a dirección de Acciona foi ratificado na tarde do xoves en asemblea pola maioría de operarios. Sinalan que o preacordo recolle as principais reivindicacións do persoal.
Desta forma, contémplase a elaboración do cuadrante anual para distribuír mellor os descansos e evitar que se establezan once días continuados de traballo para o persoal como sucede na actualidade.
Tamén se establece un plus de convenio que se cobrará nun único pago durante o mes de outubro consistente en 150 euros este ano; ascenderá a 200 euros en 2023 e a 500 en 2024.
Ademais, pactouse entre as partes un plus de absentismo nunha escala progresiva que vai dos 50 euros neste 2022 ata os 200 en 2024. O documento establece tamén outras melloras de carácter social que se demandaban.
As partes comprometéronse a asinar o convenio definitivo antes do domingo 15 de maio.