Persoal de Acciona sae á rúa para reclamar a readmisión dunha traballadora da limpeza hospitalaria

Pontevedra
22 de decembro 2022

Traballadoras do servizo de limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo percorreron este mércores en manifestación as principais rúas do centro da cidade para reclamar a readmisión dunha compañeira despedida por Acciona, a empresa concesionaria, alegando "baixo rendemento" tras regresar dunha baixa médica de longa duración

Protesta do persoal de Acciona polo despedimento dunha traballadora da limpeza
Protesta do persoal de Acciona polo despedimento dunha traballadora da limpeza / CIG

Traballadoras do servizo de limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo percorreron en manifestación as principais rúas do centro da cidade para reclamar a readmisión dunha compañeira despedida por Acciona, a empresa concesionaria, alegando "baixo rendemento" tras regresar dunha baixa médica de longa duración. 

Ademais de rexeitar a decisión, coa protesta queren poñer o foco tamén no "deterioro" que, ao seu xuízo, está a experimentar o servizo nos últimos tempos por falta de persoal.

Durante a marcha berráronse consignas como "Acciona despide, Sergas consinte", "Limpeza hospitalaria solución", "Sergas, escoita, estamos en loita" e "Acciona culpable, Sergas responsable". 

Esta mobilización fai parte da compaña de protestas que as empregadas de Acciona están a desenvolver contra o despedimento da compañeira. Nos vindeiros días acordarán novas medidas de presión "se a empresa non dá marcha atrás na súa decisión", sen descartar a posibilidade de convocar folga.

Dende a representación sindical, con presenza da CIG, CCOO e UGT, consideran que con esta rescisión de contrato Acciona pretende "amedrentar as traballadoras para evitar na medida do posible que collan baixas" e lembran que a empregada despedida "non tivo sequera un apercibimento por parte da dirección".

Esta representación sindical sospeita que con esta decisión a empresa aproveita tamén para "aforrar custes salariais mediante a amortización da súa praza", tendo en conta que no prego de condicións do servizo non figura o persoal mínimo que hai que ter para levar a cabo a limpeza. "Ademais, a traballadora ten unha antigüidade de cinco anos, polo que lles sae barato despedila", engaden. 

Neste mesmo sentido critican tamén o feito de que Acciona non estea a cubrir as xubilacións, "o que deixa o servizo nun estado crítico por falta de persoal".

Finalmente, censuran que a concesionaria non tivese respondido a súa solicitude de xuntanza para abordar o despedimento, ao tempo que reclaman a intervención do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés no conflito.