A acción formativa 'Desenmascarando as técnicas dos ciberdelincuentes' abrirá este martes, 20 de maio, o ciclo formativo sobre ciberdelincuencia, ciberseguridade e Intelixencia Artificial organizado pola Deputación de Pontevedra.
Será este martes ás 12.30 horas no edificio administrativo da Deputación, cunha actividade dirixida a profesionais das pemes e das administracións públicas.
A acción enmárcase no Grupo de Traballo de Empresas do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, en colaboración con Gradiant, empresa adherida a CIBER.gal, e a Deputación, entidade fundadora de CIBER.gal.
Durante unha hora, Borja Pintos, responsable técnico de ciberseguridade industrial de Gradiant, impartirá unha sesión para dar a coñecer as técnicas que empregan os ciberdelincuentes para manipular e atacar as persoas, con exemplos reais e consellos para evitar caer nas súas trampas.
Afondarase no phishing, na clonación de voz por IA, nos delitos típicos e nas técnicas que poden poñer en marcha as persoas e entidades para protexerse.
As seguintes accións formativas serán online. A segunda, co título 'Intelixencia Artificial e Ciberseguridade: novos retos, novas regras', terá lugar o 27 de maio ás 13:00 horas.
Será impartida por Víctor Salgado, socio-director de Pintos&Salgado, e o formulario está xa habilitado na páxina web institucional.
A última sesión, prevista para xuño, consistirá nunha demostración práctica sobre cesión de ferramentas e servizos de ciberseguridade.