Desfanse dun colchón lanzándoo ao río dos Gafos

Pontevedra
05 de agosto 2020

A asociación ecoloxista Vaipolorío denuncia este acto incívico que se desenvolveu nun punto situado en Ponte Boleira, na contorna de Alcalde Hevia, onde este colectivo realizou traballos de limpeza do leito durante a fin de semana

Colchón no leito do río dos Gafos
Colchón no leito do río dos Gafos / Asociación Vaipolorío

Sorprendidos e enfadados quedáronse os integrantes da asociación ecoloxista Vaipolorío cando este mércores 5 atopábanse cun colchón no leito do río dos Gafos, no lugar de Ponte Boleira.

Algún desaprensivo decidiu desfacerse deste residuo voluminoso lanzándoo ás augas do río nesta contorna natural ao seu paso polo centro urbano. Os representantes de Vaipolorío sinalan que este tipo de material precisa dun tratamento específico para a súa retirada. Por este motivo, puxéronse en contacto co Concello de Pontevedra para que unha brigada de operarios retire o colchón para trasladalo a un punto limpo onde deberá ser tratado como corresponde.

Desde a asociación lamentan estas condutas individuais  incívicas que embazan as actuacións responsables da sociedade pontevedresa. Vaipolorío precisamente estivo a traballar en tarefas de limpeza en leste mesmo tramo, que se atopa situado entre a rúa Alcalde Hevia e a Estación de autobuses, durante o domingo. 

O colectivo que preside Gonzalo Sancho lamenta estes comportamentos insalubres e denunciables, ao entender que evitan a limpeza definitiva do Gafos. Vaipolorío anima á cidadanía a participar nunha nova xornada de limpeza este domingo 9 de agosto dentro da campaña de limpeza do río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos. As persoas que queiran colaborar poden poñerse en contacto coa asociación a través do teléfono 676.842.942. O punto de encontro será no inicio da senda na Rúa Otero Pedrayo ás 10.00 horas.