Desfiles de comparsas e concursos no Entroido de Salcedo

Pontevedra
14 de febreiro 2023

Este ano terá lugar unha nova edición do Entroido organizado pola Sociedad Cultural Deportiva de Salcedo que estará divida en dúas partes e contará cun desfile de comparsas e disfraces, o enterro do pichinela e moito baile

Imaxe do desfile do Entroido de Salcedo en 2017
Imaxe do desfile do Entroido de Salcedo en 2017 / Sociedad Cultural Deportiva Salcedo

Este ano terá lugar unha nova edición do Entroido organizado pola Sociedad Cultural Deportiva de Salcedo (S.C.D.Salcedo), que estará divida en dúas partes e contará cun desfile de comparsas e disfraces, o enterro do pichinela e moito baile. A participación estará aberta a todas as asociacións de veciños, asociación culturais ou xuvenís, grupos, colexio, ou persoas de forma individual que desexen participar.

O sábado día 11 de marzo celebrarase na Casa Verde a partir das 19:00 horas o canto das murgas que serán Equipo Ja, Murga do Naveiro e Val do Lérez. Antes do comezo, tocará o grupo Cantanascroas e, unha vez finalizado todo, haberá unha pequena sesión de DJ.
 
O sábado día 18 de marzo será o gran desfile de Entroido. As inscricións serán xunto o bar 'O Rei do pincho' (antigo bar 'Biri'), a carón da ponte do Carramal, a partir das 15:45, e a saída do desfile terá lugar ás 17 horas. O percorrido será dende a ponte do cruceiro ata o Novo Centro Social de Salcedo (A Casa Verde).
 
Celebraranse concursos e haberá premios por categorías: de comparsas e de grupos, parexas ou individuais. Para participar como comparsa é preciso cumprir unha serie de requisitos coma ter máis de 40 membros como participantes.
  
A elección dos 'Mellores Entroidos' será valorada por un xurado nomeado para tal efecto e terase en conta a orixinalidade, a chispa diante do público, o vestiario, a creatividade, a música e a coreografía máis graciosa.

Unha vez rematado o desfile, ás 19:30 terá lugar o enterro do "pichinela", a entrega de premios será ás 20:30 e a xornada terminará cun espectáculo de música con DJ ás 21:00.

José Antonio Barreiro Iglesias, presidente da S.C.D.Salcedo, asegura que "o noso Entroido e para todos aqueles que desexedes disfrutar dunha tarde en familia" e invita a toda a xente a asistir a este evento.