Entroido por todo o alto en Barro co desfile, festival de murgas e a corrida do galo

Barro
14 de febreiro 2023

As actividades do Entroido de Barro comezarán o domingo 19 coa corrida do galo en todas as parroquias

Festival de Murgas de Barro
Festival de Murgas de Barro

As actividades do Entroido de Barro comezarán o domingo 19 coa corrida do galo en todas as parroquias. As persoas gañadoras en cada parroquia pelexarán polo galo nunha final o domingo 26 de febreiro.

A corrida do galo é un xogo tradicional que se celebraba en Barro na época de entroido e que desapareceu, mais que o goberno municipal está recuperando por todo o que significa, tanto desde o punto de vista da diversión e relación entre a veciñanza como polo valor cultural desta tradición. 

Este xogo consiste en golpear cun pau e por quendas e cos ollos vendados unha bimbia con laranxas enganchadas. Cada participante ten só un intento de cada vez e gañará a persoa que tire a última das laranxas. O premio é un galo de curral vivo. Esta é unha tradición que se repetía todos os martes de entroido en todas as tabernas de Barro.

O festival de entroido celebrarase o domingo 26 de febreiro no pavillón municipal e contará coa actuación do Señor Patajullo e a Banda Barullo. A partir das 18:30 comezará o desfile das distintas categorías, entre as que o xurado separtirá máis de 1.500 euros en premios.

O peche da programación de Entroido será o día 4 de marzo ás 20 horas co Festival de Murgas na Nave da Música.