Na mañá deste luns 5 de xaneiro, arredor de 25 persoas da Plataforma en Defensa do Centro de Saúde de Seixo e do Centro de Saúde de Marín protagonizaron unha concentración simbólica ás portas do Hospital Provincial de Pontevedra.
Coincidindo coa véspera dos Reis Magos, despregaron unha carta de peticións destinada á Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, mantendo a tradicional protesta anual nesta data para visibilizar os problemas que afectan á sanidade pública no Concello de Marín.
Durante o acto, a portavoz Iria Aboi Ferradás denunciou a falta de recursos destinados por parte da Xunta para reforzar a atención primaria e hospitalaria. "Rematamos o ano 2025 cunha concentración diante do Parlamento porque considerábamos que os orzamentos para 2026 eran claramente insuficientes. Seguimos igual, coas mesmas carencias", afirmaba Aboi.
A plataforma rexistraba un escrito ante a xerencia que lidera José Flores, onde recollen as principais demandas: contratación de máis profesionais para reducir unhas listas de espera que, segundo detallan, se estenden dende consultas de medicina de familia ata especialidades como uroloxía, neuroloxía e dermatoloxía.
"No centro de saúde de Seixo temos 11 días de agarda para ver á médica de cabeceira, pero moito peor está fisioterapia, con esperas de meses, e saúde mental, con listas inaceptables", alerta a portavoz.

A denuncia inclúe tamén a insuficiencia dos reforzos actuais. "En Marín puxeron dous días dunha psicóloga clínica, pero é claramente insuficiente. Pedimos que se atenda toda a semana, igual ca nutricionista".
"Non pode ser que haxa pacientes a espera de consulta dende outubro do ano pasado que saibamos, porque a axenda da nutricionista está pechada ata este 2026 porque só atende dous días á semana", denuncian.
A situación é especialmente grave nalgunhas especialidades hospitalarias. "Veciñas e veciños acumulan esperas de tres anos en uroloxía, dous en neuroloxía e un ano en dixestivo", exemplifican.
Iria Aboi asegura que "non se pode dicir que a sanidade pública vai ben cando existen estas listas de espera para ver mesmo os médicos de cabeceira".
Fixo referencia á sobrecarga dos cupos dos profesionais médicos en Marín e Seixo, que superan os 1.200 pacientes nalgúns casos, situación agravada polas recentes baixas e vacacións. "Hai cupos xa con máis de 15 días de agarda, chegando ás tres semanas, algo totalmente insostible", conclúe.
O colectivo critica que, ante a falta de reforzos e recursos públicos, prosegue a derivación sistemática á sanidade privada apuntando a que "se engordan" hospitais privados "mentres a Xunta mira para outro lado, favorecendo o beneficio dos seus amigos e empresas privadas", alertan.

A mobilización deste luns supón o inicio dun novo ciclo de protestas. "Anunciamos xa un 2026 de novas mobilizacións, que comezarán o 1 de febreiro cunha gran manifestación en Santiago de Compostela con todas as plataformas galegas", adiantan en relación á protesta convocada por SOS Sanidade Pública.
Entre as súas demandas tamén expoñen a necesidade dun aparcadoiro gratuíto que dea servizo ao Gran Montecelo e lamentou que Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, rexeite esa opción.