Detectado un foco de gripe aviaria nunha gaivota sombría en Sanxenxo

Sanxenxo
22 de novembro 2025

A Xunta confirma catro focos en aves silvestres en Galicia, aínda sen casos en aves de curral, e reforza as medidas de vixilancia e bioseguridade

Gaivotas sobre o mar nunha praia de Sanxenxo Concello de Sanxenxo - Arquivo

A Consellería do Medio Rural notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección dun novo foco de influenza aviaria de alta patoxenicidade no municipio de Sanxenxo, tras atopar unha gaivota sombría infectada que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade.

Trátase dun dos catro focos detectados recentemente en Galicia, xunto a outros casos en Cee, A Pobra do Caramiñal e Ortigueira, todos eles localizados en aves silvestres e confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete.

Segundo a Xunta, son xa 14 os casos notificados este ano en aves silvestres na comunidade, pero ata o de agora non se rexistrou ningún en aves de curral.

En resposta ao incremento de focos tanto en España como no resto de Europa, mantéñense activas as medidas preventivas do Ministerio de Agricultura orientadas a evitar o contacto directo ou indirecto entre aves domésticas e silvestres.

Dende Medio Rural insístese especialmente na importancia de extremar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, familiares e industriais.

Tamén alertan da necesidade de comunicar de inmediato calquera indicio da enfermidade aos Servizos Veterinarios Oficiais, empregando o teléfono 012 no caso de avistamento de aves silvestres enfermas ou mortas.

A Xunta lembra que, aínda que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten baixa capacidade de transmisión a humanos, recoméndase non manipular aves mortas e informar as autoridades competentes, asegurando así unha resposta eficaz ante esta situación epidemiolóxica.