Deteñen un home por maltrato animal ao atoparlle na súa leira 15 cans en situación deplorable

Pontevedra
10 de xuño 2017

Os animais foron retirados por persoal da Delegación Provincial do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e entregados no Centro de Acollida e Protección (CAAN) en Meis

Intervención do Seprona nunha propiedade dun veciño de Soutomaior por maltrato animal
Intervención do Seprona nunha propiedade dun veciño de Soutomaior por maltrato animal / Seprona Garda Civil

A Garda Civil detivo a I.G.A., de 42 anos, veciño de Soutomaior, acusado dun delito continuado de malos tratos animais despois de que se atopasen na súa propiedade varios cans nun estado lamentable.

As investigacións iniciáronse o día 30 de maio cando unha patrulla do Seprona da Garda Civil detectaba a un número considerable de cans deambulando polas proximidades dunha vivenda deshabitada na aldea de Lourido no Concello de Soutomaior. A maior parte dos animais presentaban feridas sanguentas, con problemas de pel e signos evidentes de desnutrición.

Os servizos veterinarios da Xunta de Galicia achegáronse ata a zona para realizar un control exhaustivo da zona co obxecto de proceder á identificación dos animais e avaliar o seu estado. Os resultados foron preocupantes, segundo informa a Garda Civil. Localizáronse 15 cans nunha situación deplorable, tanto polo seu estado de desnutrición como pola falta das máis elementais condicións hixiénico sanitarias.

A maior parte dos animais presentaban feridas e problemas dermatológicos pola ausencia de coidados veterinarios que derivaron nunha situación de dor e sufrimento evidentes na maior parte dos cans. Nunha estancia da casa atopouse a un can totalmente desnutrido, que falecera recentemente. Nunha canceira contigua localizáronse os cadáveres doutros dous cans en proceso de descomposición.

Ante esta situación, decidiuse rescatar a todos os animais, como medida cautelar. Foron retirados por persoal da delegación provincial do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e entregados no Centro de Acollida e Protección (CAAN) da Deputación Provincial, situado en Meis.

O propietario dos animais quedou en liberdade coa obrigación de comparecer, cando sexa citado, ante o xulgado de instrución de garda de Redondela.