Un atropelo e catro operacións despois, Paloma atopa un novo fogar

O Salnés
03 de febreiro 2018

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) vén de acadar unha adopción das máis relevantes da súa historia. Unha veciña de Santiago, Rocío Castro, fíxose cargo de Paloma, unha cadela recollida en setembro de 2017 logo de ser atropelada e recuperada das graves lesións que padecía e polas que se temía pola súa vida

Paloma e a súa nova dona, nas instalacións do CAAN
Paloma e a súa nova dona, nas instalacións do CAAN / Deputación de Pontevedra

Paloma foi atropelada en setembro de 2017 sufrindo graves lesións. Tanto que no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da  Deputación temían pola súa vida.

Con todo, catro operacións despois e tras unha longa recuperación, esta pequena cadela de tres anos atopou un novo fogar, nunha das adopcións máis relevantes da historia do CAAN, segundo recoñecen desde o propio centro.

Rocío Castro, unha veciña de Santiago de Compostela, asumiu a tutela de Paloma. Fíxoo tras seguir a súa evolución nos últimos meses e ser ademais una das participantes no seu rescate.

"Eu non ía buscando un can, pero a historia de Paloma cruzouse no camiño", recoñece Rocío, que o pasado mes de setembro cando se dirixía cara a Bueu atopou a unha moza chorando na cuneta da estrada PO-313. Atopara ao pequeno animal agonizando tras ser atropelado.

"Contounos que avisara aos veciños e que non lle fixeron caso. Sabían que o can fora atropelado ás 12 da noite do día anterior e eran as dez da mañá do día seguinte. Vírono e deixárono sufrir durante toda a noite! Non entendo como podían coñecer a situación e non reaccionar!", relata Rocío, que lembra que a moza avisara á Policía de Marín, que finalmente trasladou unha patrulla ao lugar e fíxose cargo do animal.

A nova propietaria de Paloma soubo a través da asociación Cadeliños que a súa atención fora derivada ao CAAN, ao que transmitiu desde o primeiro momento a súa intención de adoptar.

Tivo que pasar catro cirurxías, unha delas moi complexa para tentar estabilizarlle a columna vertebral, que tiña desprazada, outra cirurxía de cadeira e dúas de cóbado. Finalmente a súa recuperación avanzou mellor do previsto e grazas á rehabilitación foi capaz de volver ter mobilidade e recuperou reflexo anal. Con todo unha das súas secuelas é que non é capaz de controlar o pis.

"Ten as secuelas mínimas que podería dar o accidente que sufriu", explica José Luis, un dos veterinarios do CAAN satisfeito polo final feliz desta historia.

O Centro de Acollida e Protección de Animais situado na Armenteira lembra que as persoas interesadas en adoptar un can poden visitar as súas instalacións ou consultar a páxina web (www.caan.depo.gal), onde poden atopar fotografías e datos puntuais de todos os animais que tutelan. Tamén poden chamar por teléfono ao 986 140 360, onde o persoal do centro facilitará toda a información solicitada.