Detida unha muller que estaba sen máscara nunha terraza e, cando a Policía a alerta, enfróntase e tenta fuxir

Pontevedra
26 de febreiro 2021

A Policía Nacional requeríu a unha muller para que se identificara ao vela fumando nunha terraza sen máscara, pero a súa reacción foi insultar os axentes e montar un escándalo, de modo que rematou detida. Ten 36 anos. Os feitos sucederon na tarde deste venres na contorna de Cobián Roffignac

Imaxe de arquivo dunja patrulla da Policía Nacional en Pontevedra
Imaxe de arquivo dunja patrulla da Policía Nacional en Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Nacional detivo este venres a primeira veciña de Pontevedra en relación co incumprimento das últimas normas ditadas pola Xunta de Galicia para frear o espallamento da covid-19 na hostalería. Trátase dunha muller que incumpría a obriga de empregar máscara protectora en todo momento agás cando se está a consumir comida ou bebida e de non fumar, se ben non foi arrestada por ese comportamento, senón pola súa actitude posterior cando os policías a alertaron.

Os feitos ocurriron na tarde deste venres na contorna da rúa Cobián Roffignac, cando unha patrulla vía unha muller sen máscara e fumando nunha terraza. Nese momento, os axentes dirixíronse a ela e pedironlle que se identificase, pero non o fixo e adoptou unha actitude rebelde. 

Segundo confirmaron fontes policiais, primeiro enfrontouse aos axentes e, posteriormente, tentou fuxir do lugar, insultou os policías e montou un escándalo en plena rúa, ata que, finalmente, foi detida.

Resultou ser unha muller de 36 anos á que lle atribúen os delitos de resistencia e desobediencia a axente da autoridade.

Ata o dagora na cidade de Pontevedra non se producira ningunha detención por un incumprimento destas características. Ademais, xusto se produce o primeiro día en que entraron en vigor as normas da Xunta de Galicia que autorizan na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a reapertura da hostalería tras un mes de peche total. De momento, poden abrirse unicamente as terrazas cunha ocupación do 50% ata as 18.00 horas.