Detido por agredir a súa parella en plena rúa agarrándoa polo pescozo

Pontevedra
18 de abril 2026
Actualizado: 14:41

Varias persoas viron a agresión, que se produciu durante a madrugada, e chamaron á Policía Local. A muller confirmou aos axentes que non era a primeira vez que pasaba algo así

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local / Mónica Patxot

Axentes da Policía Local detiveron un home que foi sorprendido agredindo a súa parella en plena rúa, unha muller á que agarrou do pescozo.

Os feitos sucederon na madrugada do pasado 11 de abril, ao redor das 04:00 horas, nunha rúa do centro da cidade.

A muller, segundo alertaron as testemuñas á Policía Local, estaba pedindo auxilio.

Cando estas persoas tentaron achegarse para intervir e socorrer á vítima, os dous abandonaron o lugar correndo.

Foron interceptados rapidamente por outra patrulla da Policía Local nas inmediacións.

Os axentes entrevistáronse por separado coa muller, que se atopaba visiblemente nerviosa, e confirmou que mantiña unha relación afectiva co presunto agresor dende hai dous anos. 

Tamén explicou que este amosárase violento de forma repentina sen motivo aparente agarrándoa polo pescozo.

A muller tamén sinalou que non era a primeira vez que o detido tivera este tipo de alteracións violentas.

Ante este relato o home foi detido e posto a disposición xudicial de xeito inmediato, investigado por un delito de violencia de xénero.