Detido tras anos de "férreo control" e ameazas continuas cara á súa parella

Pontevedra
01 de maio 2026

A muller explicou á Policía Local que nunca denunciara a situación con anterioridade por medo a quedar sen fogar cos seus fillos, ao carecer de medios económicos para independizarse

Policía Local de Pontevedra

Un home de 71 anos foi detido pola Policía Local de Pontevedra acusado de exercer violencia de xénero de forma recorrente sobre a súa parella, unha muller de 41 anos, polo menos, durante os dous últimos anos.

A intervención policial, que se produciu na madrugada do pasado 22 de abril, comezou cando os axentes se desprazaron a unha vivenda tras ser alertados de que un home estaba a ameazar á súa parella.

A muller, que estaba nun estado evidente de nerviosismo segundo explica a Policía Local, explicoulles que a súa parella a abordou en rúa antes de chegar ao domicilio familiar, ameazándoa con botala da casa.

Aínda que a relación entre ambos duraba xa seis anos, a vítima relatou que os problemas comezaran hai dous anos, debido ao carácter "extremadamente controlador" del,

Así, segundo a súa versión, exercía un "control férreo" sobre ela, chegando a abrir a súa correspondencia e prohibíndolle saír coas súas amizades, unha situación que lle provocou ataques de ansiedade que requiriron asistencia médica.

Ademais da violencia psicolóxica e as constantes ameazas de deixala en rúa xunto cos seus fillos, a muller contou aos axentes diversos episodios de violencia física, indicando que fora zarandeada e empuxada polo peito e polas costas en varias ocasións.

Nun dos episodios máis violentos, o agresor chegou a propinar unha puñada contra a parede, xusto diante da cara da vítima.

A muller indicou que nunca denunciara a situación con anterioridade por medo a quedar sen fogar cos seus fillos, ao carecer de medios económicos para independizarse.

Os axentes tamén tomaron declaración a unha testemuña, quen corroborou a versión da vítima, sinalando que as discusións entre ambos eran moi acaloradas e que o home adoitaba porse moi violento.

Á vista do exposto e das probas e testemuños solicitados, a Policía Local detivo o septuaxenario como presunto autor dun delito de violencia de xénero.