A Garda Civil detivo a persoa que, segundo a investigación, tentou atracar o pasado mes de outubro unha libraría de Noalla, en Sanxenxo, a punta de pistola.
Trátase dun home de 58 anos, veciño do municipio pontevedrés de Catoira e que, segundo o instituto armado, conta xa con numerosos antecedentes policiais.
O arrestado está investigado por un delito de roubo con violencia en intimidación.
Os feitos producíronse cando esta persoa accedeu ao establecemento durante o seu horario de apertura e, esgrimindo o que aparentaba ser unha arma de fogo, tratou de intimidar ao propietario para subtraer o diñeiro da recadación.
Ante a resistencia da vítima, produciuse un forcexo entre ambos e o propietario da libraría acabou ferido leve.
O asaltante non logrou facerse con botín algún e fuxiu do lugar.
Os investigadores lograron identificar á persoa que asaltou o establecemento, que acabou recoñecendo os feitos e confesando o lugar onde arroxara o disfrace que utilizou para tentar atracar a libraría.
Seguen abertas aínda as xestións para localiza a arma, presuntamente simulada.
Os feitos investigados até o momento foron postos en coñecemento da sección civil e de instrución do Tribunal de Instancia de Cambados.