Detido o condutor dun patinete eléctrico ao negarse á proba de drogas e agredir un policía local

Pontevedra
07 de agosto 2025

O detido, que circulaba de forma errática pola avenida de Lugo, mostrou unha actitude agresiva e chegou golpear no peito ao axente cando lle comunicou a inmobilización do vehículo

Policía Local de Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do sábado 3 de agosto un home que circulaba en patinete eléctrico (VMP) de xeito temerario e que agrediu un axente cando este lle comunicou que o seu vehículo sería inmobilizado tras negarse a realizar as probas de alcohol e drogas.

Os feitos ocorreron despois de que un cidadán alertara ás autoridades sobre a presenza dun varón que conducía de forma errática e perigosa na avenida de Lugo, preto da rotonda de acceso ao Hospital de Montecelo.

A chamada advertía da posibilidade de que o condutor estivese baixo os efectos de substancias estupefacientes ou alcohol.

Unha patrulla da Policía Local acudiu ao lugar e comprobou a veracidade do aviso, procedendo a dar o alto ao condutor para realizarlle unha entrevista.

Desde o primeiro momento, o home amosou unha actitude desafiante e pouco colaborativa, negándose a someterse ás probas de detección de alcohol e drogas, polo que foi informado de que sería denunciado administrativamente.

Segundo o informe policial, o detido presentaba evidentes dificultades para manterse en pé e invadía constantemente a calzada, tendo que ser reconducido á beirarrúa en varias ocasións. Nun momento dado, chegou incluso a pedir auxilio aos propios axentes ao sentir que ía caer.

Os policías, debido á súa negativa a realizar as probas e á súa evidente incapacidade para conducir con seguridade, indicáronlle que o patinete eléctrico sería inmobilizado. Foi nese momento cando o home reaccionou de forma violenta, golpeando no peito a un dos axentes e agarrándoo con forza polo brazo esquerdo.

Tras esta agresión, procedeuse á detención do home por un presunto delito de atentado contra a autoridade, sendo trasladado ás dependencias policiais.

A Policía Local de Pontevedra quixo destacar a importancia da colaboración cidadá neste tipo de intervencións, agradecendo a chamada que permitiu detectar esta conduta perigosa e incívica, evitando así posibles accidentes. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora