A Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil investigan a un mozo de 22 anos que a pasada fin de semana protagonizou unha espectacular persecución policial por varias localidades da comarca do Salnés.
Os feitos ocorreron na madugada do pasado domingo. A persecución policial comezou en Sanxenxo e terminou en Vilanova de Arousa, onde o condutor deixou o vehículo estacionado nun camiño rural e marchou.
Os axentes da Policía Local identificaron o vehículo no centro urbano e déronlle o alto, pero o condutor fixo caso omiso, emprendendo a fuxida de forma temeraria a toda velocidade.
Durante a fuxida, segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, circulou "vulnerando as normas elementais de tráfico" e puxo en risco a vida dun axente da Garda Civil que se atopaba realizando o control.
A raiz deste incidente co control da Garda Civil, comezou a persecución policial conxunta para tentar deter o condutor. Acabaron perdéndolle a pista en Vilanova, pero minutos despois atoparon o vehículo estacionado nun camiño rural.
Este mozo condutor, veciño de Vilanova de Arousa, circulaba nun vehículo de gran cilindrada.
Trátase dun mozo que xa é coñecido das Forzas e Corpos de Seguridade porque en xullo do ano pasado cometeu outro delito de tráfico de características similares. Conducía sen permiso e saltou un control da Policía Local, dándose á fuga de forma temeraria e pondo en risco a vida dun dos axentes.
Nesta ocasión, a Policía Local de Sanxenxo instrúe dilixencias penais por dous delitos contra a seguridade viaria (carecer de permiso de conducir e condución temeraria) en concurso cun delito de atentado a axente da autoridade agravado polo uso de vehículo a motor.
Ademais, tamén se investigará ao titular do vehículo como posible cooperador necesario.