Detido dúas veces en quince días un veciño de Cambados acusado de "menudeo"

Sanxenxo
06 de xullo 2026

A primeira detención produciuse o 15 de xuño cando o atoparon intercambiando cocaína, e a segunda, o día 26, cando pasou na súa moto unha liña continua sen causa xustificada

O detido nas dependencias policiais Concello de Sanxenxo

A Policía Local de Sanxenxo detivo o pasado mes de xuño e até en dúas ocasións a un veciño de Cambados por un presunto delito contra a saúde pública.

O primeiro arresto produciuse o 15 de xuño, cando unha patrulla observou durante unha rolda rutineira na estrada da Lanzada un intercambio dun envoltorio de cor branca.

Tras identificar a persoa receptora, os axentes atopáronlle no peto do pantalón un paquete cunha sustancia susceptible de ser cocaína, que recoñeceu como destinada ao seu propio consumo.

No rexistro ao outro implicado, posteriormente detido, os axentes localizaron quince envoltorios similares, cun peso total de 12,86 gramos. Tamén atoparon 125,70 euros en efectivo fraccionado.

A segunda detención tivo lugar o 26 de xuño, durante unha infracción viaria na que o condutor dunha motocicleta pasou unha liña continua sen causa xustificada.

Ao darlle o alto, os axentes comprobaron que se trataba do mesmo home arrestado o día 15.

No novo rexistro corporal incautáronlle sete envoltorios de cor branca ocultos na zona perianal e, de forma voluntaria, entregou 680 euros en metálico.

Por estes feitos atribúenselle dous delitos contra a saúde pública por tráfico de substancias estupefacientes e queda vinculado a investigacións conxuntas da Policía Local e a Garda Civil centradas na venda polo miúdo de drogas.