Detido un home de 47 anos por realizar pintadas na Igrexa de San Benito de Cambados

O Salnés
12 de xuño 2026

Polo momento non se cuantificou o importe dos danos ocasionados

Detenido en Cambados
Detenido en Cambados / Guardia Civil

A Garda Civil detivo un home de 47 anos, veciño de Cambados, como presunto autor de varias pintadas realizadas sobre a Igrexa de San Benito, un ben catalogado de interese cultural na localidade.

A investigación foi levada a cabo polo Equipo de Investigación do Posto Principal de Cambados.

Segundo informan fontes do instituto armado, os feitos producíronse durante as madrugadas do 30 de maio e do 9 de xuño.

Na primeira ocasión apareceu unha pintada co nome dunha persoa.

Días despois, o mesmo lugar volveu ser obxecto dunha nova inscrición, na que se repetía ese nome e engadíanse as frases "POR ORDEN DE LA G.C. UCO" y "ESCUCHAN LOS PENSAMIENTOS", escritas respectivamente por encima e por baixo da mensaxe inicial.

As pescudas desenvolvidas polos investigadores permitiron identificar ao suposto responsable dos danos. Tras a súa localización, os axentes procederon á súa detención e realizaron rexistros voluntarios tanto no seu vehículo como na nave onde desenvolve a súa actividade profesional.

Durante estas actuacións foi achado un bote de pintura en spray de cor negra que, segundo a Garda Civil, presenta características compatibles coas utilizadas nas pintadas investigadas.

Polo momento non se cuantificou o importe dos danos ocasionados.

Ao tratarse dun inmoble protexido polo seu valor patrimonial, a eliminación das pintadas require técnicas específicas de restauración e limpeza, polo que a valoración económica está aínda pendente.

Unha vez practicadas as dilixencias, o detido quedou en liberdade, aínda que deberá comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido.

O ateistado foi remitido á Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Cambados, que continuará coa tramitación do caso.