As marismas do Saco de Fefiñáns agochan estes días unha pequena xoia botánica. Entre a vexetación propia deste espazo litoral urbano volveron aparecer exemplares de Cistanche phelypaea, unha planta tan singular como escasa en Galicia que se deixa ver apenas durante unhas semanas ao ano.
O achado foi documentado polo Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), que considera esta presenza un novo argumento para impulsar a declaración do litoral urbano de Cambados como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
A primeira vista, a Cistanche chama a atención polas súas intensas flores amarelas agrupadas en espiga.
Pero o que realmente a fai especial é que trátase dunha planta parasita que carece de clorofila e pasa a maior parte do ano oculta baixo terra, alimentándose a través das raíces doutras especies.
Só entre maio e xuño emerxe para completar o seu ciclo reprodutivo.
A súa distribución en Galicia é moi limitada e a maior parte das súas poboacións localízanse no complexo natural Umia-O Grove e noutros puntos costeiros da ría de Arousa, unha área que marca ademais o límite norte da súa expansión mundial.
A súa aparición no Saco de Fefiñáns é interpretada polos ecoloxistas como un sinal da boa saúde ambiental que conserva este enclave.
O colectivo destaca que resulta difícil atopar en Galicia outro espazo urbano con valores naturais semellantes. A marisma mantén comunidades vexetais especializadas, acolle especies pouco frecuentes e serve de refuxio para numerosas aves acuáticas, conformando un ecosistema de gran interese en pleno núcleo da vila.
Desde o CES lembran que a recuperación ambiental experimentada pola costa cambadesa durante os últimos anos foi posible grazas á redución dos vertidos e á mellora da calidade das augas. Ese proceso permitiu que especies que permanecían latentes no solo ou en condicións desfavorables volvesen ocupar o seu hábitat natural.
A aparición da Cistanche phelypaea é un auténtico luxo natural e unha mostra da extraordinaria biodiversidade que conserva esta ribeira, sinalan desde a entidade ecoloxista.
Por este motivo, o colectivo insiste na necesidade de establecer unha figura de protección que garanta a conservación dos valores ecolóxicos do lugar sen interferir nas actividades tradicionais vinculadas ao mar, como o marisqueo.
A proposta do ENIL para o litoral de Cambados leva tempo sobre a mesa. O CES trasladou esta iniciativa o pasado 18 de marzo á Confraría de Cambados, á Asociación de Marisqueo e aos distintos grupos políticos municipais. Polo momento non se produciron posicionamentos públicos sobre a cuestión, aínda que a entidade asegura que continuará traballando para lograr un acordo plenario que permita iniciar formalmente o proceso de declaración.