O anuncio da Xunta de Galicia da súa decisión de investir 40,4 millóns en continuar a Autovía do Salnes até A Lanzada, ampliando o corredor actual e actuando ademais nas súas conexións coa PO-308, a PO-316 e a PO-550, foi recibida con satisfacción no Grove e Sanxenxo.
Con todo non todas as voces están a favor do proxecto.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) mostrou este domingo a súa oposisión a unha obra que afectará especialmente a un espazo protexido e incluído na Rede Natura 2000 como é A Lanzada.
"Os atascos que motivan esta ampliación da estrada prodúcense só na hora punta de saída das praia, e só uns cantos fins de semana de xullo e agosto. Desde o CES nos preguntamos se paga a pena o gasto de 40 millóns de cartos públicos, transformar unha parte das dunas da Lanzada en asfalto, a alteración de patrimonio cultural e paisaxístico do entorno de Sanxenxo e incentivar máis o uso do coche", explica o colectivo nun comunicado.
A contestación a esa pregunta para eles é clara, e é que "dende logo para nós a resposta é que non paga a pena".
Asegura o CES que existen alternativas a este gran investimento, aludindo á Consellería de Medio Ambiente e tamén aos concellos do Grove e Sanxenxo para polas en práctica.
"Deberían crear un plan de mobilidade sostible, eficiente e moderno que priorice o transporte público e carrís bici e desalente o uso do coche. Un carril para bicis seguro e unha flota de autobuses con gran frecuencia horaria, gratuítos e desde distintos puntos da comarca reduciría o problema dos atascos", defende o Colectivo Ecoloxista do Salnés.
"Tan só coa cuarta parte do que queren gastar na ampliación da estrada poderíase poñer en marcha un ambicioso e moderno plan de mobilidade sostible no Salnés e unha eficaz campaña á cidadanía explicando as razóns dese plan de mobilidade", engade.
Por todo iso, avisan que estarán atentos "aos pasos que irán dando" avanzando a súa intención de participar na consulta pública que debe realizar a Xunta de Galicia sobre o proxecto.
A previsión do goberno autonómico é o que desdobramento da autovía poida iniciarse no ano 2027.