Detido o responsable de Monbus en Pontevedra tras un rexistro ordenado por Pilar de Lara

Pontevedra
03 de febreiro 2016

A empresa Monbus volve ao punto de mira da titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara. Esta vez, as súas instalacións en Pontevedra que recibiron este mércores a visita de axentes da Garda Civil de Tráfico chegados desde diferentes municipios de Galicia

Rexistro nas instalacións de Monbus en Lourizán Diego Torrado

A empresa Monbus volve ao punto de mira da titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara. Esta vez, as súas instalacións en Pontevedra que recibiron este mércores a visita de axentes da Garda Civil de Tráfico chegados desde diferentes municipios de Galicia.

Non só se limitaron a reunir diversa documentación, senón que tamén detiveron a F.J.L.G, responsable da empresa en Pontevedra, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os axentes, especializados en cuestións técnicas dos vehículos, realizaron un rexistro, que durou varias horas, na estación de autobuses de Pontevedra. Alí Monbus coordina todas as súas liñas de transporte en Pontevedra e dispón dunha oficina de atención ao público.

Ao mesmo tempo, a Garda Civil acudiu ás cocheiras que a empresa ten en Lourizán, onde tamén se estableceu un operativo para controlar o acceso a todos os vehículos que entraban nas instalacións.

Este rexistro enmárcase na denominada operación Cóndor, que investiga supostos delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno.

No marco destas investigacións, a xuíza ordenou en marzo de 2015 rexistros en Santiago de Compostela, Lugo e Sanxenxo que derivaron na detención dunha decena de persoas, entre elas o presidente de Monbús, Raúl López, e os responsables dunha axencia de viaxes no municipio pontevedrés.

Todos eles quedaron en liberdade con cargos tras declarar no seu día ante a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara.