A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do pasado sábado 16 de maio un home como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras unha agresión ocorrida nunha céntrica rúa da cidade.
Segundo informa o Concello de Pontevedra, os feitos producíronse ao redor das 05.00 horas, cando o servizo de emerxencias 112 recibiu a chamada dunha muller que alertaba de que acababa de ser agredida pola súa parella e que presentaba sangrado na cara.
Durante a comunicación, o operador chegou a escoitar berros dun home ao fondo da liña, o que motivou a activación inmediata do dispositivo policial.
Unha vez no lugar, os axentes localizaron á parella no medio dunha discusión e comprobaron que a muller presentaba lesións visibles na cara.
Segundo o relato da vítima, o seu compañeiro a agarrara da cabeza e lastimáralle a cara contra un portal, ademais de proferirlle insultos.
Á vista dos indicios recollidos e da declaración da muller, os axentes procederon á detención do home como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
O caso quedou á disposición da autoridade xudicial competente.