A Garda Civil do Grove detivo un home como sospeitoso de catro roubos de bolsos polo método do tirón cometidos este mes e que estaban a xerar gran alarma social.
Segundo a información oficial facilitada pola Garda Civil, o sospeitoso é un veciño do Grove de 43 anos con antecedentes policiais.
Atribúenlle un delito continuado de roubo con violencia polo que deberá render contas no Xulgado de Cambados.
O posto da Garda Civil do Grove recibiu este mes catro denuncias por roubos con violencia cometidos en similares circunstancias nesta localidade.
En todos os casos, o ladrón actuou montado nunha bicicleta e cunha vestimenta similar.
Sen apearse da bicicleta, usou o método do tirón para facerse co bolso das vítimas, persoas de idade avanzada. A continuación, deuse á fuga.
Os axentes realizaron labores de investigación e unha análise detallada das denuncias e, en colaboración coa Policía Local, lograron esclarecer todos os roubos.