Detido un condutor de 27 anos ao atropelar outro mozo contra un muro en Dorrón

Sanxenxo
05 de agosto 2023
Actualizado: 22:23

O suceso producíase no lugar da Lamela na parroquia de Dorrón en Sanxenxo arredor das 19.00 horas deste sábado 5. A vítima foi trasladada ao Hospital Montecelo cun forte golpe nunha perna. Os dous homes mantiveran unha discusión previa nun establecemento

Axentes da Policía Local de Sanxenxo diante do vehículo do condutor detido
Axentes da Policía Local de Sanxenxo diante do vehículo do condutor detido / Concello de Sanxenxo

Axentes da Policía Local de Sanxenxo detiñan na tarde deste sábado 5 de agosto un home de 27 anos, veciño da parroquia de Nantes en Sanxenxo, como presunto autor dun homicidio en grao de tentativa.

O condutor atropelou co seu vehículo a outro mozo encaixándoo contra un muro de pedra. 

Os feitos, segundo o Concello de Sanxenxo, rexistrábanse ao redor das 19.00 horas no lugar da Lamela, na parroquia de Dorrón. 

A vítima do atropelo foi trasladada ao Hospital de Montecelo cun forte golpe nunha das pernas.

Unha vez que o presunto autor foi detido pola Policía Local foi trasladado ao cuartel da Garda Civil de Sanxenxo para investigar as causas que provocaron o suceso.

Segundo sinalan desde a Garda Civil, o incidente iniciouse nun establecemento, cando os dous mozos comezaron a discutir. No medio do enfrontamento, o detido subiu ao seu turismo e deu marcha atrás golpeando o outro mozo, que é un veciño da zona de 31 anos de idade.

Polo momento, a Garda Civil investiga se se trata dun delito de lesións graves por atropelo ou se se trata doutro tipo de acción delitiva.

O presunto autor do atropelo conta con numerosos antecedentes penais.