Detido un home de 37 anos que foi sorprendido por un axente fóra de servizo cando agredía á súa parella

Pontevedra
05 de maio 2022

O home tentaba evitar que a muller subira a un taxi, agarrándoa do brazo e mesmo empuxando á vítima contra a cristaleira da estación de tren

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / PontevedraViva

Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un home de 37 anos de idade por un presunto delito de violencia de xénero.

Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, o pasado martes, 3 de maio, ao redor das 17 horas, un axente fóra de servizo chamou á central de comunicacións da Policía Local alertando que na rúa Estación estaba a producirse a agresión dun home a unha muller. O axente solicitaba apoio.

De maneira inmediata, unha patrulla desprazouse ata o lugar. Alí, segundo o testemuño ofrecido polo axente, o mozo mantiña unha forte discusión coa que parecía a súa parella, tentando evitar que esta subira a un taxi agarrándoa do brazo e mesmo chegando a empuxala e a acurralala contra a cristaleira da estación do tren.

O axente observou estas accións e decidiu mediar entre ambas as partes, protexendo á muller, á vez que requiriu a presenza da patrulla da Policía Local.

A vítima non quixo presentar denuncia, pero a Policía Local detivo ao seu agresor igualmente.