Detido un home por agredir á súa exparella sobre a que ten orde de afastamento

Pontevedra
14 de maio 2022

Foi a veciñanza do edificio a que chamou a central de comunicacións da Policía Local para informar dunha forte discusión

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Unha denuncia veciñal permite a detención dun home por un posible delito de violencia de xénero e por quebrantar a orde de afastamento da súa exparella.

Segundo informa a Concellaría de Protección e Seguridade Cidadá, sobre as 20 horas do día 10 de maio, unha chamada alertaba á Policía Local dunha forte discusión nun domicilio da cidade.

Ao chegar ao lugar a patrulla do corpo de protección local atopa unha muller que recoñece que fora agredida pola súa ex-parella, coa que convivía.

A muller explicou aos axentes que esa tarde tiveron unha forte discusión que foi aumentando de ton até tal punto que o home é quen de collerlle o teléfono móbil e tirarllo contra o chan, rompéndoo. Logo desta acción, a parella empezou a loitar, caendo ela ao chan, intre no que o home lle puxo o xeonllo no pescozo e a arrastra desde o corredor até o salón, segundo a testemuña da muller, que presentaba lesións visibles en antebrazos, man, pescozo e fazula esquerda.

A Policía Local deu a orde a outras patrullas de tratar de localizar o home de 39 anos de idade, que se atopaba nas inmediacións do edificio, sendo detido por un presunto delito de violencia de xénero e desobediencia dunha orde de afastamento. Posteriormente é trasladado a dependencias policiais para a súa posta a disposición xudicial.

A Concellaría de Protección e Seguridade Cidadá pon de manifesto a importancia e o compromiso por parte de toda a sociedade para erradicar este tipo de delitos e agradece a colaboración cidadá para previr e denunciar actos deste tipo no caso de presencialos ou percibilos. 

Nestas últimas semanas, dúas denuncias deste tipo foron recollidas pola Policía Local, poidendo deste xeito actuar a tempo e evitar unha traxedia maior.