Un home, de nacionalidade española, foi detido por axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela, como presunto autor do furto en interior dun vehículo do violín de Dana Rey, unha integrante da Orquestra Xove Cidade de Pontevedra.
A moza lanzara a alerta en redes sociais cando o 8 de xuño o seu violín, da marca François Breton, valorado en 7.000 euros, desaparecera do seu vehículo aparcado nas inmediacións do Parque do Castro en Vigo. Ademais do instrumento desapareceran varios efectos persoais do turismo. A petición de colaboración para dar co violín se viralizó grazas á colaboración da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
Unha vez presentada a denuncia, axentes da Policía Nacional encargáronse da investigación. Ás poucas horas recibían a información de que unha persoa tentara vender un violín de características similares ao desaparecido nunha tenda de venda de artigos de segunda man na cidade olívica.
Tras as oportunas comprobacións e despois de que os axentes se aseguraran de que se trataba do mesmo instrumento denunciado, a policía procede a incautar o violín, que se atopaba na tenda, para mostrarllo á denunciante, que identificou o instrumento de corda "sen ningún xénero de dúbida" como o violín que lle fora subtraído, segundo indica a Policía Nacional.
As investigacións policiais continuaron ata que os axentes lograron localizar e identificar ao presunto autor dos feitos. O home foi detido e impútaselle un delito de furto no interior dun vehículo.