Detido en Vilagarcía un home de 37 anos tras agredir e ameazar a súa parella e a súa sogra

O Salnés
03 de xullo 2026

Foi necesaria a evacuación deste individuo en ambulancia ao Hospital do Salnés onde foi preciso adoptar medidas de contención ante o seu comportamento agresivo

Patrulla da Policía Local de Vilagarcía Policía Local de Vilagarcía de Arousa

Un varón de 37 anos foi detido en Vilagarcía de Arousa como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

O arresto tivo lugar tras un incidente ocorrido na vía pública no que, segundo informou a Policía Local, tamén agrediu á nai da súa parella e mostrou unha actitude violenta cara aos axentes que acudiron ao lugar.

Os feitos producíronse arredor das 23.13 horas na avenida Doutor Tourón.

De acordo coa información facilitada pola Policía Local, varias testemuñas alertaron de que o home estaba a manter unha forte discusión coa súa parella e coa nai desta, ás que presuntamente insultou e agrediu.

Sempre segundo a versión policial, durante o altercado chegou ademais a ameazar con guindalas ao río do Con desde a intersección coa rúa Rodrigo de Mendoza.

Ao chegar ao lugar, a patrulla da Policía Local requiriulle que depuxese a súa actitude, pero, segundo o corpo municipal, o home desobedeceu as indicacións dos axentes e acometeu contra eles con violencia.

Finalmente foi reducido e detido, ofrecendo resistencia activa durante a intervención.

A Policía Local indica que, debido ao elevado estado de nerviosismo e agresividade que presentaba, foi necesaria a súa evacuación en ambulancia ao Hospital do Salnés.

No centro sanitario, segundo a información oficial, foi preciso adoptar medidas de contención ante o seu comportamento agresivo.

O arrestado permanece investigado como presunto autor dun delito de violencia de xénero, sen prexuízo do resultado da investigación e das actuacións xudiciais posteriores, que determinarán as circunstancias dos feitos e as eventuais responsabilidades penais.