Detidos dous homes en menos dunha semana por presuntos delitos de violencia machista

Pontevedra
20 de xullo 2025
Actualizado: 12:28

A Policía Local de Pontevedra participou na detención destes dous varóns, o primeiro tras romperlle o teléfono e agredir a súa parella, e o segundo por incumprir a orde de afastamento

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra informou da detención de dous homes, en menos dunha semana, por presuntos delitos de violencia machista.

O primeiro dos casos tivo lugar o pasado 11 de xullo, cando na Xefatura da Policía Local reciben un aviso telefónico no que se indica que, tras saír unha chica dun garaxe, esta pedira axuda para poder chamar á Policía xa que a súa parella acababa de romperlle o teléfono móbil e non llo quería devolver.

Desprazada unha patrulla do corpo de seguridade municipal, os axentes inician unha entrevista coa vítima, que manifesta ter unha relación sentimental coa persoa que lle rompe o teléfono.

Nunha entrevista co home, este sinalou que a parella compartía o móbil, o que orixinou unha discusión que iniciaría un forcexo entre ambos os dous.

O home recoñeceu que agarrou á súa parella polo pescozo.

Cómpre sinalar que a rapaza explicou que ao longo dos últimos meses sufrira agresións de xeito habitual así como controis constantes do móbil e das súas accións.

Tras esta primeira entrevista, a Policía procedeu coa súa detención, informándolle dos seus dereitos, por un presunto delito de violencia de xénero.

CHAMADA DE AUXILIO

Doutra banda, na xornada do 17 de xullo, comisionados por unha persoa que escoitara unha petición de auxilio a berros por mor dunha discusión, axentes da Policía Local acudiron até unha vivenda na que unha rapaza presente na mesma exclama ao velos: "por favor, axuda, non podo máis con esta situación".

Segundos antes, desde o interior da vivenda podía escoitarse berros de muller no que parecía unha forte discusión.

Os axentes proceden a separar a unha muller e a un home, sendo a primeira a nai da rapaza que se comunicara cos axentes.

A nai sinala que o seu home ten unha orde de afastamento.

Os axentes verificaron que esta orde estaba en vigor e que o home tiña coñecemento sobre a mesma.

Tras isto, procedeuse coa súa detención por un presunto delito de violencia de xénero, a fin de protexer tamén ao menor de idade presente nese intre, informándoselle dos seus dereitos.