Dez casetas na Festa do Viño de Vilaboa para amosar a variedade vinícola local

Vilaboa
29 de abril 2025

Adegueiros e colleiteiros convidan á veciñanza da contorna a acudir á carpa de Riomaior os días 10 e 11 de maio e maridar os seus viños coa gastronomía local

Presentación da XII edición da Festa do Viño de Vilaboa
Presentación da XII edición da Festa do Viño de Vilaboa / Concello de Vilaboa

A adega Os Areeiros, en Santa Cristina de Cobres, foi o escenario escollido para a presentación da XII Festa do Viño de Vilaboa. Foi nun acto que contou co respaldo dunha ampla representación do sector vinícola do municipio que estará presente no evento

Serán dez as casetas, tres adegas e sete colleiteiros, as que se instalarán na carpa que os días 10 e 11 de maio ofertará en Riomaior unha selección dos viños que se producen en Vilaboa tanto de xeito profesionalizado como de elaboración caseira.

As adegas Os Areeiros, Adega Ardán e Bodegas Costas de Exportación -esta última de Moaña- pertencen á IXP Ribeiras do Morrazo e comercialízanse con esta etiqueta distintiva, que recoñece a calidade dos viños da zona.

En Vilaboa persiste ademais a figura do colleiteiro local e boa parte deles ofrecen os seus viños nos coñecidos furanchos.

É o caso de Elisa Ruibal García "Casa da Boullosa", Manuel Collazo Fernández, Martín Torres González "Casa Cañoteira", Antonio Juncal de "Furancho Antonio" e de Furancho Jorge, Jesús Amoedo Leiro, "Casa da Torre" e Nilda Alvariña.

Presentación da XII edición da Festa do Viño de Vilaboa
Presentación da XII edición da Festa do Viño de VilaboaConcello de Vilaboa

A Festa do Viño de Vilaboa ofrecerá así unha completa selección das diferentes variedades colleitadas e elaboradas no municipio, a prezos populares, durante dúas xornadas festivas nas que facer tertulia en bo ambiente, degustando un bo viño e unha tapa.

Esta foi a invitación que o alcalde de Vilaboa, César Poza, lanzou a toda a veciñanza da contorna de cara aos vindeiros 10 e 11 de maio, xa que a carta de viños complementarase con stands gastronómicos que ofrecerán ostras, polbo, churrasco, empanada e doces.

O evento, que naceu como unha reivindicación dos caldos locais e a tradición vitivinícola da zona, consolidouse como unha cita ineludible no calendario festivo de toda a provincia.

O alcalde subliñou a importancia de manter esa tradición de facer os viños nas casas, pero tamén da súa profesionalización, destacando o crecemento que experimentou o sector na zona e do que puxo como exemplo a adega anfitriona da presentación.

A programación arrancará o sábado 10 e continuará ata o domingo 11 de maio ao mediodía.

As persoas asistentes poderán gozar de música en directo, coa actuación da charanga "A cabeza non para", na sesión vermú e a Banda da Escola de Música de Vilaboa co cantante Antonio Barros o sábado pola noite, momento no que tamén actuará a charanga 112.

Xa o domingo será a quenda da Sociedade Cultural Cobres e a súa banda de gaitas "Aires de Cobres".

O pregón correrá a cargo dun veciño de Vilaboa, da parroquia de Paredes, Xan Lorenzo, quen promete, segundo o alcalde, "encher de humor a xornada coas súas chanzas".