Dez menores da cidade ucraína de Bucha pasarán agosto nun campamento en Príncipe Felipe

Pontevedra
01 de agosto 2023

Estes mozos proceden de Bucha, un pequeno suburbio de Kyiv, que foi unha das zonas de Ucraína máis masacradas polas tropas rusas. Alí rexistrouse o asasinato masivo de centos de civís por parte das Forzas Armadas Rusas, que participaron na invasión de Ucraína de 2022 e mantiveron control da cidade entre o 27 de febreiro e o 31 de marzo dese ano    

Dez menores da cidade ucraína de Bucha pasarán agosto en Príncipe Felipe
Dez menores da cidade ucraína de Bucha pasarán agosto en Príncipe Felipe / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López visitou este martes a un grupo de dez menores ucraínos que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Estes mozos proceden de Bucha, un pequeno suburbio de Kyiv, que foi unha das zonas de Ucraína máis masacradas polas tropas rusas. Alí rexistrouse o asasinato masivo de centos de civís por parte das Forzas Armadas Rusas, que participaron na invasión de Ucraína de 2022 e mantiveron control da cidade entre o 27 de febreiro e o 31 de marzo dese ano.

Estes menores forman parte de familias de combatentes, de militares e de falecidos en combate.

A Deputación de Pontevedra adheriuse a unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína de apoio aos nenos de Ucraína coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán. 

Este programa, encabezado polo alcalde de Kíev, Vitali Klichkó, está liderado en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A institución provincial pontevedresa puxo ao dispor do Comité Europeo as instalacións do Centro Príncipe Felipe para garantir que estes nenos poidan estar durante un mes nunha contorna segura no que descansar, compartir momentos de lecer e adquirir novos coñecementos.

Este martes, o presidente provincial, acompañado da deputada provincial Sandra Basto, fíxolles entrega de agasallos e deulles a benvida desexándolles unha proveitosa estancia e mostrando o seu desexo de que poidan coñecer os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra.

O grupo de menores ucraínos, de entre 9 e 14 anos, que vén acompañado dun adulto experto en traballo social, permanecerá en Príncipe Felipe ata o 28 de agosto residindo nun espazo preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional.

A Deputación de Pontevedra ofrécelles servizo de mantemento, servizo médico, atención psicolóxica, servizo de tradución, posta a piques de roupa, acceso á piscina do centro e unha ampla planificación de actividades nas que se potenciarán valores como a convivencia, o benestar, o coidado do medio ambiente e o coñecemento lingüístico. 

Tamén están programadas excursións para que coñezan recunchos da provincia de Pontevedra como A Illa de Arousa, Cabo Home, Cangas e praias como A Lanzada e Lapamán, así como outros lugares de Galicia como Santiago de Compostela, Cerceda, a Costa da Morte e Gandarío.

O pasado mes de xullo as instalacións da Deputación de Pontevedra acolleron a outro grupo de dez menores procedentes de Pervomaiske, cidade moi próxima á zona de conflito.