Día internacional do Té con cata-degustación no castelo de Soutomaior

Soutomaior
22 de maio 2024

Persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro deu a coñecer os diferentes tipos de té e o seu proceso de elaboración a partir de gromos de Camellia sinensis

Nava Castro, deputada de Turismo, con participantes no Día internacional do Té
Nava Castro, deputada de Turismo, con participantes no Día internacional do Té / Deputación de Pontevedra

Con motivo do Día internacional do Té, a Deputación de Pontevedra celebraba este martes 21 no castelo de Soutomaior unha xornada na que persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro explicaba o proceso de recollida e elaobración do té.

Durante a sesión explicaron o proceso no que se deixan os gromos ao sol para que perdan a humidade e pasen a ser maleables para despois enrolalos de maneira sinxela.

A sesión finalizaba cunha cata-degustación na que as persoas asistentes comprobaron os diferentes sabores desta bebida que se elabora en Areeiro, desde té vermello e negro a té verde.

Durante a sesión lembrouse que a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura (FAO) publicaba en 2018 os beneficios do consumo de té na saúde e benestar debido ás propiedades antiinflamatorias e antioxidantes que achega, ademais da contribución que ofrece na perda de peso.

A este evento asistía a deputada de Turismo, Nava Castro, á inauguración e o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, a clausúraa.