Recoñecemento para os seis integrantes do servizo municipal de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía pola súa participación nas tarefas de rescate realizadas en 2024 despois da dana de Valencia.
Estes seis integrantes desprazáronse ata Valencia para colaborar no operativo especial tras a dana do 29 de outubro.
Como resposta a unha proposta da Alcaldía de Vilagarcía, o Ministerio do Interior concedeu aos seis un distintivo honorífico.
A resolución do outorgamento das distincións publicouse no BOE do pasado 20 de decembro e deuna a coñecer o Concello este mércores.
Os funcionarios e voluntarios recoñecidos son o xefe do servizo municipal, Francisco Javier Guillán Busto, Francisco Javier Portas Gómez, Daniel Vales Lorenzo, Alain Pérez Maneiro e Roi Zamora del Río.
A expedición partiu cara Valencia o 1 de novembro de 2024, dous días despois da catástrofe, equipados con vehículos e material municipal: dous coches, un quad, un remolque, bombas de achique, xeradores de electricidade, equipos de iluminación e excarcelación.
Tamén levaron provisións para autoabastecerse e traballaron baixo a coordinación da Central de Emerxencias da Generalitat Valenciá dende a base establecida no municipio de Moncada.

O alcalde, Alberto Varela, agradeceulles a solidariedade e o enorme sentido de servizo público que demostraron ao ofrecerse voluntarios para esta misión.
O goberno local destaca que "estas persoas, como o servizo ao completo, son un gran orgullo para toda Vilagarcía e é todo un privilexio poder contar con eles".
